miércoles, 18 de abril de 2012

Unha longa primaveira


Corría tras unha bolboreta.  Era a primeira mañá de primavera, dunha primavera longa. Dunha primavera chea de soños; algúns inalcanzables, como a bolboreta. Ía tan leda, que non se decataba de nada do que sucedía ao seu redor.  Unha pedra, fixo que tropezara e caeu ao chan, perdendo así a pequena voadora de vista.
Como dicía, era pola mañá, e o sol brillaba no alto do ceo coma se fose a vez derradeira, os paxaros cantaban e creaban un son melodioso á vez que ela ría. A súa risa, foi o que fixo que a primavera fose longa para el, foi o que converteu uns días escurecidos pola tristeza, nuns días completamente vivos, nos que cada día descubriu algo novo. E é que, a procura da bolboreta, e a forma positiva de ve-las cousas que ela tiña, fixeron que un home máis de este planeta namorase. El adoraba o seu rir, os seus misteriosos ollos azuis, e sobre todo, amaba que ela fose capaz de evadirse por un momento dos problemas: correndo coma unha nena pequena.

No hay comentarios:

Publicar un comentario